Blogia
Club Natacion Ponteareas

NOVAS DO CLUB

ANAÏS UCHA MUTILBA, MÍNIMA PARA O CAMPIONATO DE ESPAÑA

Durante a celebración do I Trofeo Promesas do Lérez, celebrado na Piscina Olímpica Rías do Sur de Pontevedra, a nadadora do Club Natación Ponteareas marcou un novo fito histórico no club ó ser a primeira nadadora do Club que acada a mínima para participar nun Campionato de España. Foi na final da proba de 100 braza, que gañou e poderá participar no Campionato de España CSD que se celebrará en Zaragoza en Xuño.

En categoría masculina, Marcos Soutullo ten a mínima en 50 braza pero necesita facer outra mínima nunha proba de máis de 50 metros para poder ir ao seu Campionato de España.

Noraboa a Anaïs!!!

GRAN ACTUACIÓN NA 4ª XORNADA DA LIGA GALEGA DE CLUBS

Unha gran actuación dos nosos nadadores/as marcou a 4ª xornada da Liga Galega de Clubs de 3ª División, celebrada na Piscina Municipal de Ponteareas, coa organización do noso club. Por primeira vez nesta Liga, logramos a primeira praza cunha vantaxe sobre o 2º clasificado o CN Arteixo de 76 puntos.

Foron varias as mínimas que caíron e xa somos segundos na clasificación xeral.
Esperamos que nas dúas xornadas que faltan poidamos acadar o ascenso de categoría.

SEGUIMOS MEDRANDO

Con dúas novas altas, xa son 41 as licenzas de deportistas de competición coas que contamos, e a rede pescando. Seguimos batindo records. Xa son 13 as altas desta temporada (máis do 30% do número de deportistas que tiñamos no comezo da mesma)

MARCOS SOUTULLO SUBCAMPIÓN GALEGO EN 100 E 200 BRAZA

MARCOS SOUTULLO SUBCAMPIÓN GALEGO EN 100 E 200 BRAZA

Marcos Soutullo acadou a prata en 100 e 200 braza, o seu estilo preferido, no pasado Campionato Galego de natación Infantil de Inverno.

Na foto Marcos cunha das súas medallas no podium.

EXTRAORDINARIA ACTUACIÓN DOS NOSOS NADADORES/AS NO CAMPIONATO GALEGO INFANTIL DE INVERNO

Unha vez máis, os nosos representantes lograron marcar un novo chanzo na historia do Club Natación Ponteareas. No Campionato Galego Infantil de Inverno celebrado o pasado fin de semana en Carballo acadáronse varios rexistros históricos do club. Así, foi o Campionato Galego con maior número de representantes do club, o de maior número de medallas acadadas, o de maior número de relevos, o de maior puntuación por clubs, deixando por debaixo a clubs que ata agora sempre obtiveran maior puntuación ca o noso e achegándonos a outros clubs de gran tradición na historia recente da natación.

Temos que destacar a tódolos nadadores e nadadoras que nos representaron: Marcos Soutullo (prata en 100 e 200 braza), Estefanía Chamadoira (prata en 100 estilos), Sandra Sobreira (4ª en 200 bolboreta), Diego Paz, Alejandro Reigosa, Jennifer Chamadoira, Luis Pardo e Tatiana Vázquez.

Foi unha fin de semana moi intensa para o club e que nos encheu de felicidade a todos nós.

Que os éxitos continúen.

¡¡Noraboa a todos/as!!

MARCOS SOUTULLO E ESTEFANÍA CHAMADOIRA, SUBCAMPIÓNS GALEGOS

De extraordinaria hai que volver a cualificar a actuación dos nosos representantes no Campionato Galego Infantil de Inverno, celebrado en Carballo este fin de semana (17 e 18 de febreiro).

Por primeira vez na historia do club, unha nadadora obtivo unha medalla nun Campionato Galego; foi Estefanía Chamadoira, que foi subcampiona galega na proba de 100 estilos e medalla de prata na mesma.

Por outra banda, Marcos pasa a ser o terceiro nadador en categoría masculina que obtivo medalla, sendo subcampión galego en 100 braza e en 200 braza.

Son tres novas medallas en campionatos galegos para o noso club. Seguiremos con máis información sobre este Campionato.

ADESTRAMENTOS NAS FESTAS DO ENTROIDO

Por mor das festas do Entroido e da asistencia ao Campionato Galego Infantil de Natación de Inverno de varios nadadores/as do club, este sábado 17 de febreiro NON HABERÁ adestramento.

Por outra banda, o vindeiro luns 19 de febreiro o adestramento será para todos e todas ás 17.30 horas.

VENRES 9 DE FEBREIRO: ASEMBLEA DE SOCIOS DO CLUB

Lembramos que este venres 9 de febreiro, a partires das 20.15 horas en 1ª convocatoria e das 20.45 horas en segunda convocatoria, terá lugar a Asemblea de socios/as do Club, que segundo os Estatutos do mesmo, corresponde facer neste tempo para dar o balance de contas do ano 2006.

ORDE DO DÍA: Punto único.- Balance de contas a 31 de decembro de 2006.

Esperamos a asistencia de todos/as.

RAQUEL LANDÍN 4ª EN 100 ESTILOS NO CAMPIONATO GALEGO ABSOLUTO DE INVERNO

A nadadora do Club Natación Ponteareas pechou unha extraordinaria actuación no Campionato Galego Absoluto de Natación de Inverno, celebrado nesta fin de semana en Santiago, acadando o 4º posto na Final A en 100 estilos, quedándose moi preto das medallas. É esta a mellor actuación dun nadador/a do noso Club en tódalas participacións nos Campionatos Galegos Absolutos.

Felicitamos a Raquel pola súa actuación neste Campionato.

RAQUEL LANDÍN FINALISTA B EN 100 BOLBORETA NO CAMPIONATO GALEGO ABSOLUTO

A nadadora do Club Natación Ponteareas Raquel Landín Gallego acadou a 14ª praza na clasificación final dos 100 bolboreta no Campionato Galego Absoluto que se está a celebrar en Santiago nesta fin de semana. Mellorou a súa marca en máis de 2 segundos dende a toma de tempos feita en Ponteareas o pasado 21 de xaneiro.

Mañá nadarán ela e Santiago Rodríguez os 50 bolboreta. 

VENRES 9 DE FEBREIRO: ASEMBLEA DE SOCIOS DO CLUB

Tal e como sinalan os Estatutos, o venres 9 de febreiro faremos a Asemblea de Socios/as do club á que están convocados os pais e nais e demais socios/as do mesmo cun único punto na Orde do día: Balance e estado das contas do Club a 31 de decembro de 2006. A primeira convocatoria será ás 20.15 horas e a segunda convocatoria ás 20.45 horas. A asemblea será na Sala de Xuntas do Pavillón Municipal de Ponteareas.

Esperamos unha asistencia importante.

VARIAS MÍNIMAS NA TOMA DE TEMPOS DO 21 DE XANEIRO

Na toma de tempos feita en Ponteareas este domingo 21 de xaneiro houbo varios nadadores/as que acadaron marcas mínimas para poder participar nos Campionatos Galegos da súa categoría, co que o obxectivo desta competición foi conseguido.

Tamén temos que destacar que 6 nadadores/as competiron por primeira vez, facéndoo moi ben.

Estiveron tamén nadadores/as de Mos e Porriño. Nas bancadas houbo moita animación e unha importante asistencia de público, resultando un espectáculo deportivo moi interesante.

CLUB NATACIÓN PONTEAREAS: A FAMILIA MEDRA

Con dúas novas altas realizadas neste mes de xaneiro de 2007 xa son 36 as licenzas de deportistas que ten o Club Natación Ponteareas, constituíndo o número máis alto de licenzas a un tempo na historia do club. Esperamos seguir aumentando e poder chegar aos 40 nadadores/as con licenza de deportista de competición.

Confiamos que nas vindeiras datas tamén haxa novidades na sección Master.

Lembra que si queres que a natación sexa o teu deporte e vives en Ponteareas ou na zona, o Club Natación Ponteareas espérate. ¡¡¡VEN NADAR CONNOSCO!!!

FANTÁSTICA ACTUACIÓN DO C. N. PONTEAREAS EN LUGO

Este pasado sábado 13 de xaneiro os nadadores e nadadoras do Club Natación Ponteareas acadaron un dos éxitos máis importantes na súa andaina, conseguindo o primeiro posto na terceira xornada da Liga Galega de Clubs de 3ª División. Volveron a acadarse varias marcas mínimas para os Campionatos Galegos e incluso algunha que queda a moi pouco das mínimas para o Campionato de España.

Nas seguintes dúas xornadas a celebrar en Ponteareas en marzo e maio teremos dúas importantes oportunidades para poder estar entre os dous aquipos que ascendan de categoría.

Felicitamos aos 17 nadadores/as que fixeron posible este éxito.

BO NADAL

O Club Natación deséxalles aos seus deportistas, familias e colaboradores/as un Bo Nadal e que o ano 2007 sexa polo menos tan bo coma este 2006.

ADESTRAMENTOS DURANTE AS VACACIÓNS DE NADAL

Entre os días 27 de decembro e 5 de xaneiro, os dous incluídos, os adestramentos serán para todos ás 10.30 horas.

2ª XORNADA DA LIGA GALEGA DE CLUBS

Este sábado 25 de novembro o Club Natación Ponteareas participou na 2ª xornada da Liga Galega de Clubs de 3ª División, acadando a segunda posición na mesma por detrás do C.N. Arteixo, cunha mínima diferenza de puntos con eles.

Á espera dos resultados oficiais, son varios os nadadores e nadadoras do noso club que fixeron marcás mínimas para os Campionatos Galegos, tendo de novo unha actuación moi destacada todos e todas.

AGRADECEMENTO AOS COLABORADORES NA COMPETICIÓN DO 19 DE NOVEMBRO

A Xunta Directiva do Club agradece a todos/as que colaboraron na organización da competición deste domingo 19 de novembro en Ponteareas. Tanto as persoas que arbitraron, como os que cronometraron, estiveron en cámara de saídas, locutora, os que colaboraron na edición dos resultados, os que colaboraron na montaxe e desmontaxe da Piscina, os que axudaron cos contavoltas fixeron novamente un traballo moi importante para o club.

Só coa colaboración de todos/as pode o club seguir adiante.

Animamos todos/as que formamos parte do club que sigamos colaborando co mesmo.

MOI BOA ACTUCIÓN DOS NOSOS NADADORES/AS NA COMPETICIÓN DO 19 NOVEMBRO

De novo temos que felicitar aos nadadores e nadadoras do Club Natación Ponteareas pola actuación que tiveron na 1ª xornada da Liga das categorías G-0, G-1, G-2 e G-3, que se celebrou na Piscina mUnicipal de Ponteareas este domingo 19 de novembro.

Hai que destacar que competiu por primeira vez Clara Soutullo, e que Andrea Vázquez e Iago Sobreira tamén se estrearon en competición de Ligas, aínda que xa participaron no VII Trofeo da Amizade.

Houbo en xeral melloras importantes nas marcas, acadando mínimas para os Campionatos Galegos Anais Ucha en 100 braza e 200 costas, Estefanía Chamadoira en 200 costas e Miguel Ángel Garrido en 100 costas e 200 costas. Quedáronse moi perto das mínimas Jennifer Chamadoir e Sandra Sobreira.

Felicitamos a todos os nosos deportistas sen excepción pola súa actuación e polo seu comportamento durante a competición.

 

FANTASTICA ACTUACION NA LIGA GALEGA DE CLUBS

Así hai que calificar a actuación dos nosos nadadores e nadadoras na primeira xornada da Liga Galega de Clubs de 3ª División que se celebrou na Piscina Municipal do Porriño onte sábado 11 de novembro, nunha maratoniana xornada de competición. Na clasificación provisional estamos no terceiro posto e dependendo de si se confirman ou non dúas descalificacións de representantes nosos poderiamos optar ao primeiro posto.

Á espera de recibir os resultados e as marcas, felicitamos aos nosos deportistas, tendo opcións ata o remate da temporada de ascender de categoría.